segunda-feira, 31 de março de 2008

Ollando caixas de porcelana

Felipe González acuñou o termo 'sindrome do xarrón chinés' para explicar a situación dos ex-inquilinos da Moncloa : "Somos como grandes xarrons chineses en apartamentos pequenos. Non se retiran do mobiliario porque se supon que son valiosos, pero están todo o rato estorbando".

A resistencia dos políticos a abandonar o sillón, sexa cal sexa o seu tamaño (xarrón chinés, xarra de sargadelos ou borralleiro de buño, en fin, louza variada) a renunciar a esa sensación de poder tan identificada co masculino e que nos ofrece numerosos exemplos na política local, nacional e estatal, non resultaría tan patética aos ollos desta observadora, se non fose polo tremendo contraste coa actitude dos aparatos dos partidos e as veces da propia militancia, de esquecemento e até desprezo con estas estrelas 'caidas'.

A falta de respeito a 'don manuel' mostrada polo grupo parlamentario do PP no parlamento galego que fixo que saira elixido como representante galego no Senado español só cos votos do BNG e o PSOE é un exemplo mais da falta de humanidade da política.

Este paso da condición de imprescidibel, lider indiscutido, portavoz ao caseque ostracismo provoca as veces nos politicos apartados reaccións curiosas rebelde sen causa, abuelito batallas...

E falo en masculino de maneira conscente porque aínda que non son moi partidaria de considerar que somos mellores en termos éticos ou incluso estéticos que os homes ou non vexo moi claro que haxa unha forma 'feminina' de estar na política, sí que hai unha consideración das mulleres como intercambiabeis (non só na política) asumida por nos mesmas e moita menos resistencia a ser apartadas dos poucos postos de poder que ostentamos.


Foron moitos os comentarios sobre a marcha de Caldera do ministerio pero non vexo ningún sobre a situación das mulleres que promoveron, xestionaron e se responsabilizaron das politicas de igualdade no 1º goberno zapatero, que teñen nome e apelidos: Soledad Murillo de la Vega, Encarnación Orozco Corpas e Rosa Peris Cervera.


Dende a discrepancia nalgúns aspectos da sua acción de goberno o recoñecemento ao seu traballo de catro anos duros pero históricos e finalmente positivos para as mulleres.

Neste caso, non grandes xarróns chineses, cecais pequenas caixas de porcelana perdidas nunha mudanza.

terça-feira, 11 de março de 2008

Ollando á nova Cámara

Como xa se agardaba pola composición das listas, a nova cámara estatal terá menos mulleres que na anterior lexislatura a pesar da Lei de igualdade.
Un novo desaxuste entre os obxectivos dunha norma e os instrumentos que establece para acadalos dan un resultado desalentador e desmobilizador e, sobre todo, incumple a espectativa creada de ampliación do espazo e o peso político das mulleres.
En primeiro lugar, unha norma que pretende marcar mínimos de participación debese restrinxir a iso: os mínimos. O feito de marcar topes maximos de representación feminina resulta absurdo, non se corresponde coa precaria situación das mais das mulleres militantes nos partidos que, por desgracia, en ningun caso temos a forza ou a capacidade de presión suficiente para copar as listas. Ademais teríanse evitado situacións de provocación por parte de quen impugna a Ley ante o Tribunal Constitucional como resultou aquel acto propagandístico da lista municipal de mulleres en Canarias.
En segundo lugar, os mínimos que marca a norma están por debaixo dos existentes na normativa interna dalgúns partidos, PSOE, IU, BNG ... témonos dotado de obrigas de incorporación de mulleres nas listas internas e externas que, como mínimo nos tres casos que cito, superan os marcados na lei. Estas 'cuotas' marcadas por algúns partidos son resultado de anos de traballo, presión e debates, moitas veces desagradabeis e dolorosos, promovidos polas mulleres feministas que militamos nestes partidos. O establecemento por lei de mínimos inferiores, dá vía libre aos aparatos para utilizala dando un paso atrás. Teño que dicir que só o BNG mantivo as listas cremallera nesta convocatoria eleitoral en todas as circunscripcións nas que se presentaba, entre todos os partidos que teñen representación parlamentaria nesta nova lexislatura.
Por último, son os partidos da dereita e os que non asumen no seu programa os presupostos feministas quen ve mellorada a posición das mulleres no seu grupo, o PP e CIU son os únicos que aumentan a sua representación feminina. Veremos se iso dá mais posibilidades no avanzo das políticas de igualdade no Estado ou supón finalmente un freo... ¿votarían a favor dunha lei de prazos para o aborto?...
Hay por diante unha nova lexislatura na que facer na práctica eso tan bonito de 'revisar os erros' que prometeu quen será presidente do goberno español.
Quedan tamén cousas por facer no espazo de representación, que non se tocaron na lei de igualdade e que se poderían abordar se realmente hai vontade política para facelo como a composición das Cámaras de Comercio e do propio goberno do Estado.
Seguiremos ollando espectantes.

domingo, 9 de março de 2008

Ollando ao 8 de Marzo

Logo da REFLEXION persoal do día 8 de Marzo de 2008 permitome a osadía de empezar un blog e lanzar algunha de esas reflexions á rede sen mais espectativa que un pequeno desafogo.

¿Qué pasaría se a Zapatero se lle tivera ocorrido convocar as eleccións un 2 de Maio?
¿Terían aceitado os sindicatos modificar de data a celebración do día da clase obreira convertida agora en xornada de reflexión?
Sorprendeume daquela que non houbera contestación á data. Cecais as mulleres dos grupos feministas non foron conscentes que iso significaba a prohibición de convocar mobilizacións até que, moi poucos días antes os Gobernos civís as desautorizaron. A situación foi diferente nuns territorios e noutros. No noso Pais foron prohibidas pero noutros lugares como Asturias, as mobilizacións foron autorizadas.
O certo é que nos lugares onde permitidas ou non, as concentracións seguiron adiante, non houbo tampouco ningunha consecuencia, non houbo envío de policía nin cargas policiais nin disolucións forzadas... os xornais do día 9 apenas se fan eco delas e de ningún incidente.
Parece que excusaban dende as delegacións do goberno central facer ese alarde de prohibir o que non se pensa controlar, parece como si pensaran 'se non o fan, estupendo e se o fan total pasaran desapercibidas...'

O día 7 un novo asesinato terrorista veu marcar unha vez mais un proceso eleitoral. A campaña paralizouse inmediatamente e por unanimidade deixaron de celebrarse os actos de peche sen ningunha contestación. Todos os partidos puxeron na portada da sua web as condolencias e compromiso contra o terrorismo. Todos os xornais lle adicaron a primeira páxina reclamando solucións dende o Estado.
Sen pretender cuestionar esta reacción inmediata e unánime, non podo esquecer que dez días antes catro mulleres foron asesinadas o mesmo día pola violencia machista, por homes que decían que as querían ou que algunha vez as quixeron. A campaña non se paralizou, non se suspendeu ningún mitin, non se convocaron debates específicos para que candidatos (todos eles varóns) fixeran unha reflexión sobre donde estamos, que fixemos e qué podemos facer como sociedade para parar esta sangría. Non ocuparon a primeira plana dos xornais e cando o fixeron foi para ser tratadas como carne de folletín as mais das veces.

A pesar da modificación de lei eleitoral para garantir incorporacións de mulleres nalgunhas listas, de repetir resultado, o grupo parlamentar do PSOE terá menos mulleres na vindeira lexislatura. O número xeral de mulleres aumentará no Congreso "dos deputados" (cecais habería que pensar en cambiarlle o nome: hai deputadas) pola incorporación de mulleres do PP que van utilizar as cuotas, seguramente ao seu pesar, para incorporar mais mulleres conservadoras á vida política. Parece que logo de aprobala, nalgún partido esquecen que o que marca a lei son mínimos. Sería distinto se ollaramos o "problema"dende outra perspectiva, non é só que haxa poucas mulleres, hai demasiado homes na vida pública.

O 8 de Marzo debería ter sido, sí, unha xornada de reflexión para o Movemento feminista, para a Academia, para os Partidos, para toda a Sociedade, reflexión crítica sobre o que temos feito e valente sobre o que nos queda por facer. Empeza unha nova lexislatura na que traballar no avance e consolidación dos dereitos das mulleres que somos mais da metade da poboación e que aínda estamos lonxe de ser cidadás de primeira.