domingo, 9 de março de 2008

Ollando ao 8 de Marzo

Logo da REFLEXION persoal do día 8 de Marzo de 2008 permitome a osadía de empezar un blog e lanzar algunha de esas reflexions á rede sen mais espectativa que un pequeno desafogo.

¿Qué pasaría se a Zapatero se lle tivera ocorrido convocar as eleccións un 2 de Maio?
¿Terían aceitado os sindicatos modificar de data a celebración do día da clase obreira convertida agora en xornada de reflexión?
Sorprendeume daquela que non houbera contestación á data. Cecais as mulleres dos grupos feministas non foron conscentes que iso significaba a prohibición de convocar mobilizacións até que, moi poucos días antes os Gobernos civís as desautorizaron. A situación foi diferente nuns territorios e noutros. No noso Pais foron prohibidas pero noutros lugares como Asturias, as mobilizacións foron autorizadas.
O certo é que nos lugares onde permitidas ou non, as concentracións seguiron adiante, non houbo tampouco ningunha consecuencia, non houbo envío de policía nin cargas policiais nin disolucións forzadas... os xornais do día 9 apenas se fan eco delas e de ningún incidente.
Parece que excusaban dende as delegacións do goberno central facer ese alarde de prohibir o que non se pensa controlar, parece como si pensaran 'se non o fan, estupendo e se o fan total pasaran desapercibidas...'

O día 7 un novo asesinato terrorista veu marcar unha vez mais un proceso eleitoral. A campaña paralizouse inmediatamente e por unanimidade deixaron de celebrarse os actos de peche sen ningunha contestación. Todos os partidos puxeron na portada da sua web as condolencias e compromiso contra o terrorismo. Todos os xornais lle adicaron a primeira páxina reclamando solucións dende o Estado.
Sen pretender cuestionar esta reacción inmediata e unánime, non podo esquecer que dez días antes catro mulleres foron asesinadas o mesmo día pola violencia machista, por homes que decían que as querían ou que algunha vez as quixeron. A campaña non se paralizou, non se suspendeu ningún mitin, non se convocaron debates específicos para que candidatos (todos eles varóns) fixeran unha reflexión sobre donde estamos, que fixemos e qué podemos facer como sociedade para parar esta sangría. Non ocuparon a primeira plana dos xornais e cando o fixeron foi para ser tratadas como carne de folletín as mais das veces.

A pesar da modificación de lei eleitoral para garantir incorporacións de mulleres nalgunhas listas, de repetir resultado, o grupo parlamentar do PSOE terá menos mulleres na vindeira lexislatura. O número xeral de mulleres aumentará no Congreso "dos deputados" (cecais habería que pensar en cambiarlle o nome: hai deputadas) pola incorporación de mulleres do PP que van utilizar as cuotas, seguramente ao seu pesar, para incorporar mais mulleres conservadoras á vida política. Parece que logo de aprobala, nalgún partido esquecen que o que marca a lei son mínimos. Sería distinto se ollaramos o "problema"dende outra perspectiva, non é só que haxa poucas mulleres, hai demasiado homes na vida pública.

O 8 de Marzo debería ter sido, sí, unha xornada de reflexión para o Movemento feminista, para a Academia, para os Partidos, para toda a Sociedade, reflexión crítica sobre o que temos feito e valente sobre o que nos queda por facer. Empeza unha nova lexislatura na que traballar no avance e consolidación dos dereitos das mulleres que somos mais da metade da poboación e que aínda estamos lonxe de ser cidadás de primeira.

Nenhum comentário: