quinta-feira, 31 de março de 2016

Ollando as condicións precarias de liderados femininos

http://praza.gal/opinion/3246/cantil-de-cristal/

CANTIL DE CRISTAL
Ryan e Haslam, da Universidade de Exeter, realizaron nos primeiros anos 2000 un estudo sobre xénero e liderado en 100 compañías británicas que publicaron en 2005 no BJM, no que investigaron as rutas de ascenso de varóns e mulleres e as motivacións para as empresas escolleren uns ou outras para os cargos directivos. Fano en resposta a numerosos relatos xornalísticos da época que mostraban peores resultados en compañías lideradas por mulleres que por varóns. As autoras definen no seu estudo unha pauta na selección de directivas: atoparon que as mulleres son maioritariamente situadas no liderado baixo circunstancias negativas ou arriscadas para a organización, mentres os varóns noméanse maioritariamente en situacións favorables e de estabilidade.
Seguindo coa nomenclatura metafórica clásica dos estudos de xénero como o coñecido concepto teito de cristal: esa barreira invisible que fai as mulleres ficar masivamente en postos de segundo nivel de liderado independentemente da súa cualificación e idoneidade, ou o menos coñecido termo ascensor de cristal: o elevador invisible que fai a varóns que traballan en sectores moi feminizados ascender na xerarquía por riba da súa cualificación ou idoneidade, Ryan e Haslam acuñan o termo Glass Cliff, que podemos traducir como cantil de cristal, que identifica o nesgo de xénero dese risco engadido que se asume cando se acepta liderar nunhas circunstancias excepcionais, cunha maior exposición a avaliacións negativas do desempeño, e a asunción da responsabilidade por problemas previos ao nomeamento.
Dicía Margaret Thatcher:  en política, se queres que algo se diga pídello a un home e se queres que algo se faga pídello a unha muller. Unha forma optimista de ver o cantil dende a posición dunha muller que podemos ver como un exemplo desa rota de acceso ao liderado. Dende esta posición poderiamos pensar que as organizacións botan man das mulleres polo convencemento de que teñen máis capacidade, unha forma específica de exercer o liderado adecuada para a resolución de conflitos e superación de problemas. Vemos esa liña discursiva frecuentemente como unha fórmula para defender a promoción das mulleres coa mellor das intencións. Mais, de ser certo, esta especial condición debería ser valorada en toda circunstancia, non explica que se descarten nas situacións non problemáticas. Máis ben, poida que as mulleres acepten esas patacas quentes porque son as oportunidades que hai, porque existe a presión da representatividade paritaria, porque non estamos socializadas en responder NON a unha demanda de axuda... por múltiples motivos alén de sentir calquera forma de superioridade para resolvelas. Elisabeth Badinter alerta das consecuencias deste discurso diferencialista e teoricamente favorable ás mulleres: Quen cre que as mulleres arranxarán o que os homes fixeron mal e criarán unha especie de nirvana feminino equivócase. Esquece que os nosos comportamentos son moi semellantes. Crear unha expectativa baseada nun mito de superioridade non fai favor ningún ás afectadas.
Nos últimos días, na política galega, dúas mulleres rachan un teito de cristal para se enfrontar a un cantil de cristal, chegan ao liderado das súas organizacións baixo circunstancias negativas, arriscadas e precarias. Ana Pontón como portavoz nacional do BNG asume o reto de darlle a volta a un resultado electoral moi malo, a unha expectativa a meses vista que non remonta, ao tempo que aborda un cambio organizativo que free a fuga de militantes e cargos institucionais. Pilar Cancela encabezará a xestora do PSdeG logo dunha dimisión por corrupción, cun partido ameazado co sorpasso electoral de EnMarea , dividido internamente e sen candidatura clara para as autonómicas. Coñézoas ás dúas, máis a Ana que a Pilar. A súa traxectoria, capacidade e valía profesional  e política reflíctense nos seus currícula e fan delas persoas adecuadas á encarga que as súas organizacións lles fan.  O feito de seren mulleres non facilita a encarga nin lle resta mérito ao esforzo que farán e ao resultado que obtiveren.
Como moitas outras voces alégrome de que a política galega teña en primeira liña caras de mulleres, e máis de mulleres feministas, e deséxolle a Pontón e Cancela os maiores éxitos que sentirei  como un éxito colectivo. Deberemos considerar tamén cando avaliemos o seu traballo á fronte das súas organizacións, os seus resultados electorais e organizativos, cales foron as circunstancias en que as súas organizacións as escolleron, cales os retos que asumiron, cales as expectativas que crearon, as condicións de precariedade do seu liderado e o valor engadido de todo isto se desenvolver nun cantil de cristal.




terça-feira, 20 de abril de 2010

ollando a paciencia ilimitada dun pobo que non se resigna

No Consello de Seguridade da ONU estase a debater estes días un novo informe anual sobre o Sáhara, sobre o futuro papel da MINURSO, que dará como resultado unha nova Resolución. Desta volta o informe elaborouno o Secretario xeral Ban Ki-moon polas suas proprias observacións e o traballo do seu enviado á zona Christopher Ross.
Durante o último ano a situación nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados de Alxeria non fixo mais que deteriorarse.

Dende o punto de vista humanitario, a crise económica mundial detraeu fondos da cooperación e fai cada día mais dificil sobrevivir nas wilayas da Hammada.

Medra tamén a impune violéncia do rexime marroquí contra activistas pro-saharauis, temos mostras diarias de violacións de dereitos humáns nas cadeas marroquís e na Cadea Negra do Aiun, detencións irregulares, torturas... hai hoxe 37 activistas en folga de fame, o Grupo dos 6 levan mais de 30 días. A represión exercese tamén sobre habitantes da zona ocupada cando volven de visitar ás suas familias nos campamentos de refuxiados. Pero a MINURSO non intervén porque o seu mandato limítase a garantir o "alto o fogo". Entre tanto, España vende armas a Marrocos pese a unha denuncia interposta polo incumplimento da lei de 2007 que impide a venda de armas a terceiros paises que non respecten os ddhh.

O expolio continuado dos recursos naturais do Sáhara non está a beneficiar á poboación saharaui. Sen telo en consideración, a UE concede un status privilexiado á potencia ocupante a pesar de que un seu informe xurídico de Febreiro de 2010 considera que os acordos de pesca violan a legalidade internacional. Un futuro Estado independente Saharaui podería reclamar indemnizacións por estes acordos como xa sucedeu en Namibia.

Tamén retrocesos no campo diplomático. Mantiveronse duas reunións entre o Polisario e Marrocos no último ano sen avances. Hai un intento claro marroqui de limitar un posibel referendum á autonomía, excluindo a posibilidade da independencia, acompañado dunha campaña mediática para convencer ao mundo de que a autonomía é a única solución posibel. A ofensiva mediático-diplomática é variada e potente, non é casualidade que o novo embaixador en España sexa un tránsfuga do Polisario, nin que parlamentarios marroquís visiten e se irmanen con Parlamentos do Estado; estos días vivimos a amenaza, parece que xa superada, de que a UE no aceptaría os visados colectivos para as nenas e nenos do programa de vacacións en paz, o que practicamente eliminaría o programa. Non debemos esquecer que Marrocos ten a posibilidade de controlar ou non a saída de pateras cara ás costas canarias e españolas. Non debemos esquecer que, fundamentalmente en Catalunya, Madrid e Andalucía viven milleiros de persoas de orixe marroquí que pronto terán dereito a voto. Tampouco deberiamos esquecer que o Estado español sigue a ser oficialmente para a ONU a potencia administradora e como tal, principal garante do proceso da autodeterminación.

O informe que está a ser debatido no Consello de Seguridade resulta frustrante para o Polisario e as persoas que apoiamos a causa saharaui, porque non fala claramente de todas estas realidades que tanto Ban Ki-moon como Ross coñecen de primeira man, porque non fan ningunha proposta para avanzar. Limítanse a constatar a falta de avances, a sua propia impotencia.

O Presidente da RADS, Abdelaziz, dirixiu unha dura carta ao Secretario xeral, que explicita as deficiencias do informe e a decepción co papel que está a xogar a ONU no proceso. Unha frase da carta expón con crudeza a situación: "En ausencia de calquera esforzo serio ou desexo por parte de Nacións Unidas para cumplir a sua promesa para celebrar un referendum, cómo lle vou explicar ao pobo saharaui o valor de continuar co noso compromiso de boa fe co proceso político liderado pola ONU?"

Qué pode esperar o pobo saharaui da próxima Resolución do CS da ONU? Até cando vai durar a súa paciencia? Probabelmente a opinión pública é o mellor, e poida que xa o único mecanismo pacífico de presión que lles queda. O Polisario sábeo ben, o caso Aminatou é un bon exemplo. O entramado deste mecanismo pacífico de presión somos nos, cada un e cada unha de nos, que podemos non ficar caladas, podemos non ficar paradas ollando a paciencia ilimitada dun pobo que non se resigna.

quinta-feira, 15 de abril de 2010

ollado nubes

Na última comisión de sanidade do Parlamento galego, a directora de recursos humáns do sergas viña comparecer a petición propia para informar, e cito textualmente a convocatoria, "sobre o procedemento de xestión do proceso selectivo do Servizo Galego de Saúde".

Ese día achegueime eu en coche ao Parlamento escoitando un disco de Xabier Díaz que me encanta e recomendo 'músicas de salitre' e repetindo unha e outra vez nubes, o corte do que mais gosto. Viña ollando as nubes que segundo me achegaba a Compostela desaparecían do ceo e preguntándome se serían cúmulos.

Cúmulos: Presentan un gran tamaño cun aspecto masivo e de sombras moi marcadas cando se atopan entre o Sol e o observador, é dicir, son nubes grises. Presentan unha base horizontal e na parte superior protuberancias verticais de gran tamaño que se deforman continuamente, presentando un aspecto semellante a unha coliflor de gran tamaño. Os Cúmulos corresponden ao bo tempo cando hai pouca humidade ambiental e pouco movemento vertical do aire. No caso de existir unha alta humidade e fortes correntes ascendentes, os Cúmulos poden adquirir un gran tamaño chegando a orixinar tormentas e chuvieiros intensos.

Non sei se eran cúmulos aquelas nubes, pero cúmulos foi o que atopamos na comparecencia posterior. Cúmulos de mentiras ou silencios cúmplices... "non van ter os funcionarios dereito a presentarse a oposicións?", cúmulos de indicios de irregularidades denominados pola responsabel de personal do sergas como "casualidades", as mellores notas das persoas afectadas... ben, daquela cúmulos de casualidades que se convirten xa en causalidades. Cúmulos de negativas: a incluir informe do IGE sobre a posibilidade de que se dean todas esas circunstancias ao tempo, a recoñecer que non se garantiu a cadea de seguridade, ou que unha persoa afectada non debe estar no trubinal, ou que non fixeron nada tendo a información antes do último examen...

Hoxe entereime que foi cesado o subdirector de función pública logo do escándalo dos opositores que ao tempo eran tribunal doutra oposición ao tempo que o presindente de ambas oposicións era a mesma persoa... outro cúmulo de casualidades.

seguirá sen facer nada o SERGAS? seguiremos acumulando cúmulos? seguirán ollando nubes como se non fora con eles? ou eses cúmulos de mentiras e incompetencias adquirirán un gran tamaño chegando a orixinar tormentas e chuvieiros intensos? para algo estamos na primavera.

quinta-feira, 11 de março de 2010

Ollando o desmantelamento das políticas de igualdade IV (a degradación do marco normativo)


En Novembro de 1918, tivo lugar a Asamblea nacionalista de Lugo, irmandades da fala e diversas asociacións nacionalistas que levaban tempo xa traballando, xestaron un Manifesto, que Beramendi considera a Acta de nacemento do nacionalismo moderno galego, que é a vez un diagnóstico da sociedade galega e o xermolo dun programa de acción política. Como número 1 dos problemas do Pais aparece a procura da igualdade da muller.
A constitución española do 31 e o Estatuto do 36 incorporan explicitamente os dereitos das mulleres e na república se acada o voto para as mulleres e dereitos ao aborto ou ao divorcio que son abolidos coa guerra civil e a dictadura. A ideoloxía franquista, conservadora e patriarcal, volve atrás todo ese marco de liberdades e relega e educa ás mulleres durante 40 anos no papel de coidadoras e reproductoras gratuitas, logo de vingarse sen piedade das mulleres do bando perdedor.
Coa restauración borbónica, a constitución española do 78 define un marco legal de igualdade entre os sexos e legalízanse os anticonceptivos. O estatuto galego do 81 establece que os poderes públicos galegos teñen a obriga de garantir e promover as liberdades e dereitos individuais e colectivos. Tamén é do ano 81 a lei do divorcio de UCD que non satisfai as espectativas e demandas (gratuito, de mutuo acordo e que non discrimine ás mulleres) do movemento feminista, moi activo e mobilizado na época.
No ano 82 o PSOE chega ao goberno do estado cun gran apoio feminino e promove un avance importante no marco regulador da vida das mulleres. No ano 83 créase o Instituto español da muller e iníciase o proceso de despenalización do aborto. Dende finais dos anos 70 practicábanse de maneira clandestina por profesionais pro-aborto, no ano 81 producíronse milleiros de autoinculpacións nos xulgados de todo o estado, sucédense procesos, encarcelamentos, manifestacións, amnistías... un recurso de inconstitucionalidade presentado pola dereita tense en parte en consideración polo TC e o texto definitivo da lei entra en vigor no ano 85; despenaliza tres supostos e non cumple as demandas de libre, gratuito e a cargo da SS do feminismo.
Durante 1990 debátese no Parlamento galego o proxecto de ley de creación do SGPIHM, logo de ter rexeitado a maioría conservadora a presentación dunha ILP de creación dun Instituto galego da Muller. Cubre algún aspecto da demanda feminista: é un organismo autónomo con orzamento e personal propio e independente das estructuras gubernativas e cun consello de dirección con presenza de todos os departamentos da Xunta, como instrumento de transversalidade. Pero os populares néganse a chamarlle instituto e a que dependa da presidencia da Xunta. Finalmente a lei de creación apróbase en 1991. No ano 1993 o SGI recolle os recursos, personal e competencias do IM en Galiza.
Durante as duas lexislaturas en que coinciden gobernos conservadores en españa e Galiza non se producen modificacións notabeis do marco normativo. Un apagón dos temas das mulleres, coa excepción en 2003 da lei que regula a orden de protección ás victimas de violéncia de xénero e que da resposta a un medre escandaloso de mulleres agredidas con moita repercusión mediática.
En 2004 o PSOE volve ao goberno do estado e prodúcese un novo avance no marco normativo: en 2004 a lei integral contra a violencia de xénero, en 2007 a lei orgánica de igualdade, tamén a modificación do código civil para permitir o matrimonio das parellas do mesmo sexo e, nesta segunda lexislatura, a modificación da lei do aborto.
En 2004, un goberno Fraga con moita contestación na rúa por motivos diversos promove unha lei de igualdade, unha declaración de intencións non mal orientada pero anticuada e pouco ambiciosa nos obxectivos e nada concreta nos medios.
En 2005 prodúcese un cambio no goberno da Xunta, e o BNG encárgase das políticas de igualdade. En 2007 apróbanse a lei do traballo en igualdade das mulleres galegas que establece por lei a paridade na composición dos gobernos galegos e a lei de prevención e tratamento integral da violencia de xénero que establece recursos complementarios e amplia os dereitos da normativa española para atender ao fenómeno da violéncia de xénero. Ademais de moita normativa menor sobre información estatística, corresponsabilidade, coeducación, saúde das mulleres, cotitularidade agraria...
A principios de 2009 o Partido Popular volve ao goberno da Xunta e paralízase de novo a actividade normativa. Dende a sua chegada, o goberno de Nuñez Feijoó está ademais a incumplir a normativa vixente. Incumple a necesaria composición paritaria do goberno, polo que está nos tribunais, incumple as obrigas de información sobre violencia de xénero ou situación das mulleres ou eliminado a variabel sexo da información sanitaria, obrigas que establece a lei de plan estatístico galego en vigor até 2013. A preguntas do BNG sobre estos incumplimentos, resposta o PP que a normativa só hai que cumplila cando é útil que que non consideran que esa normativa o sexa.
En marzo de 2010 aparece na páxina web do SGI o borrador dun anteproxecto de lei de extinción do SGI, na exposición de motivos do anteproxecto e tamén na sua xustificación no pleno do Parlamento alúdese ao aforro, á concentración e simplificación da estructura de igualdade (non simplifican igual a de turismo nen a de sanidade nen a de deportes, nen a de medio rural... todas elas e mais con organismos autónomos creados por lei).
Durante estos últimos trinta anos, a normativa que enmarca as políticas de igualdade foi sempre avanzando na mesma dirección, con distintas velocidades, poucas veces cumplindo as demandas das mulleres, pero avanzando.
Tiñamos todas a sensación que as nosas demandas convertidas en lei ficaban a salvo, consolidadas, feitas pedra.
Un só ano de goberno de Feijoó demostra que para a dereita galega non hai nada que non se poda romper ou desfacer ou destruir ou demoler. Teñen os votos para facelo. Teñen a desvergonza, a intolerancia e a prepotencia que se precisan para facelo.
Non estamos no ano 83 pero outra vez só a presión das mulleres pode evitalo. Cen anos despois, mais que nunca ou polo menos tanto como sempre, o feminismo é imprescindibel.

quarta-feira, 10 de março de 2010

Ollando o desmantelamento das políticas de igualdade III (igualdade e benestar)

A dupla ou tripla xornada laboral caracteriza a vida dunha grande parte das mulleres adultas galegas. No ano 2007, por vez primeira na Galiza, o IGE publicóu os datos da conta satélite da producción doméstica. Contabilizou a prezo de mercado, as horas de traballo non remunerado realizadas nos fogares galegos. Total para 2003 aproximadamente 15.000.000.000 euros. O 37% do PIB do País. As tres cuartas partes deste traballo, case once mil millóns de euros, fixémolo as mulleres galegas, que traballamos de media (considerando o traballo que nos pagan e o que non nos pagan) 1 hora mais ao día que os galegos.
A posta en marcha da chamada lei de dependencia visibiliza o perfil da persoa coidadora de dependentes (non menores). O 83% mulleres cunha media de 52 anos (un tercio das coidadoras superan os 60 anos). Caseque a metade son as fillas (ou noras) da persoa que coidan, a maioría son coidadoras permanentes e un 20% multicoidadoras (coidan ademais de criaturas...). Constituen fundamentalmente a última xeneración de amas de casa.
A lei de dependencia establece a libranza da persoa coidadora (un pago a quen coida) como último recurso cando non hai centros e/ou programas públicos que se poidan facer cargo do coidado. Pero a realidade é que está a prevalecer esta figura, o que ten sentido primeiro polo défice de servizos públicos (en 2005 non había ningún centro de día público en Galiza) que melloróu na lexislatura anterior pero que non da cobertura a todo o territorio e tamén polo propio perfil das persoas coidadoras que ven a posibilidade de recibir un semisalario por un traballo que estaban a realizar gratuitamente, persoas que, ademáis, non teñen alternativas de emprego.
Pero esta solución é temporal. Todo indica que as primeiras xeneracións de mulleres que accederon masivamente ao traballo remunerado e fora do fogar, que serían a seguinte xeneración de coidadoras, non reproducirán maioritariamente este rol e ao tempo prevese mais poboación dependente, sobreenvellecida, sen cambios notabeis no reparto de xénero dos traballos de coidado.
Unha atención sostibel á dependencia tería que contar coa corresponsabilidade a tres bandas, administración, homes e mulleres. A Administración tería que investir en centros e servizos -fíxose na anterior lexislatura- como escolas infantís, centros de día, servizos de atención no fogar como o 065 ou o xantar na casa. Pero sendo realistas, hai que saber que o papel das familias (en toda a sua variedade de tipos) nos coidados vai seguir a ser relevante e ten que producirse un reequilibrio do uso dos tempos entre mulleres e homes.
O que o BNG chamóu o Sistema Galego do Benestar, non era específicamente unha política de igualdade pero dende logo tiña unha componente de xénero importante: As mulleres protagonistas como coidadas xa que son mulleres a maioría das persoas dependentes, protagonistas como coidadoras, unha xeneración de amas de casa visibiliza o seu traballo de coidado e recibe unha compensación económica por facelo, protagonistas no emprego xenerado nos centros e servizos creados, máis do 70% das persoas contractadas foron mulleres e protagonistas dun novo reparto do tempo de coidado, algo menos para as mulleres, algo máis para o goberno, tempo que contribue á incorporación en igualdade de oportunidades ao mercado laboral, á formación ou ao lecer.
A actual paralización dos servizos e a privatización máis ou menos encuberta dos centros, carga nas costas das mulleres a sostenibilidade do sistema. Centrar o gasto en benestar no pago da libranza da coidadora manda unha mensaxe pouco optimista á miña xeneración de mulleres: para o PP somos a seguinte xeneración de coidadoras, se non temos cartos para mercar coidado privado.
O lema feminista "o privado é político" está tan en vigor como sempre. O feminismo é tan necesario como hai cen anos.

terça-feira, 9 de março de 2010

Ollando o desmantelamento das politicas de igualdade II (a mascarada)

Ollando os xornais do día despois, parece que o único que pasou onte na Galiza foi unha mascarada organizada polo Goberno galego para ridiculizar a loita feminista para promover o cambio de estereotipos. Esta ridícula nova escurece, na opinión publicada, todas as centos de iniciativas das institucións, o movemento feminista e a academia para celebrar cen anos do 8 de marzo.
Se eu fora partidaria da teoría da conspiración, tería datos mais que abondo para concluir que esto forma parte conscente do proceso de desmantelamento das políticas de igualdade, visto o exitoso resultado acadado na presenza mediática, e ademáis porque semella incribel que un grupo de persoas adultas, supostamente educadas e profusamente asesoradas se presten a tal mascarada se non é por un obxectivo de calado. Pero este ano no Parlamento galego tenme dado a oportunidade de constatar a falta de rigor, a incompetencia a ousadía e a prepotencia que poden chegar a ter este grupo de persoas que ten a encomenda de gobernar Galiza por (aínda) tres anos máis.
O que importa é que, polo motivo que sexa, incluído o protagonismo das redaccións dos medios de comunicación que deciden qué publicar e con qué espazo, non tivemos a oportunidade de coñecer as numerosas actividades realizadas por concellos, asociacións, escolas e universidades. Non tivo interés informativo que hai cen anos, cando se constituiu esta data como día da muller traballadora, ao tempo que en USA e Inglaterra as mulleres nas fábricas reclamaban os seus dereitos, tamén o facían na Galiza, as estibadoras do porto da Coruña ou as traballadoras da fábrica de tabacos. Non tivo interés informativo que hoxe, cen anos despóis fan o mesmo as mulleres afectadas polo ERE de Caramelo ou a deslocalización das teleoperadoras.
Non é unha conspiración, polo menos consciente; é unha mostra do que queda por andar na loita pola igualdade entre mulleres e homes. Unha mostra do pouco consistentes que son algúns avances incluso normativos. Mais que nunca ou polo menos como sempre, cen anos despois, o feminismo segue a ser imprescindibel.

segunda-feira, 8 de março de 2010

Ollando o desmantelamento das políticas de igualdade I

Non é ningunha novidade que Galiza ten unha poboación envellecida, moi dependente, que o rural galego está masculinizado, cun crecemento negativo que non se ve compensado polo saldo migratorio. Non se fala tanto de que, aínda que os indicadores de actividade para as mulleres son menores que os do Estado ou a UE, hai moitas menos amas de casa na Galiza, no noso caso, a non actividade ven dada en grande medida polo envellecemento (xubiladas) e a dependencia (discapacidades). Sabemos tamén que as mulleres galegas no traballo remunerado viven maioritariamente na precariedade, son titulares de mais da metade dos contratos temporais e de caseque a totalidade dos de tempo parcial. Precariedade no presente coa afectación correspondente ás pensións contributivas que estas mulleres cobrarán no futuro. Por non falar do que non coñecemos con datos oficiais dos incumplimentos de horario ou emprego sumerxido.
En 2010, o paro galego por vez primeira non ten cara de muller. A crise económica ten mudado algunha cuestión. A mellora dos datos dos anos anteriores a 2008 e o feito de que o sector mais afectado pola crise, o da construcción, é de emprego maioritariamente masculino e por tanto o paro medra fundamentalmente entre os varóns son as razóns fundamentais deste cambio. Tamén que a falla de ingresos na familia empuxa a moitas mulleres a sairen por vez primeira ao mercado laboral e faceren medrar os indicadores de actividade e ocupación femininas.
O que podería ser un dato positivo no medio de tanto dato negativo de paro e desesperación ten, porén, outras caras non tan positivas.
A precariedade das condicións de acceso ou de mantemento do emprego medran en xeral e en particular para as mulleres, o traballo doméstico remunerado, o téxtil, o traballo de coidado remunerado, son sectores proclives a situacións de condicións de traballo reais diferentes ás contractadas e incluso ao traballo sumerxido. Tamén as mulleres que sobreviven aos ERES ven modificadas a peor as suas condicións de traballo, mobilidade xeográfica e funcional, recortes salariais, ampliación de horarios...
Esta converxencia no laboral entre mulleres e varóns non se corresponde cunha converxencia no doméstico, non hai evidencias de novos repartos do traballo non remunerado do coidado e a atención á familia e por tanto, supón a xeneralización da doble xornada para as mulleres.
Qué fai o Goberno galego ane esta situación? Nada. Ou peor, menos que nada. Como non se fala do tema (hai un ano que as cuestións da igualdade entre mulleres e homes desapareceron da axenda política do Goberno galego) non sabemos se Feijoó está enterado desta situación nin si lle importa. O que sí sabemos é que se desmontaron ou paralizaron algunha das iniciativas que estaban en marcha sen alternativas:
Ulo plan de emprego feminino prometido logo de paralizar as medidas do Plan Aurora? Ulas medidas de corresponsabilidade logo de deixar sen cartos a axuda á excedencia para varóns? Ulas novas escolas infantís públicas logo do despilfarro do cambio de nome das Galescolas? Ula inspección para comprobar o cumplimento das condicións dos contratos? Ulo recoñecemento das profisións femininas sen código de actividade? Ulos plans de igualdade nas empresas e na Administración? Ulas axudas a incorporación de mulleres novas ás explotacións agrarias como cotitulares?
As políticas públicas de igualdade, os programas de promoción dun emprego digno para as mulleres non son medidas publicitarias para momentos de vacas gordas. Son mais necesarias cando mais en perigo está a igualdade, son mais que nunca necesarias canto mais risco de feminización da pobreza hai.
Cando alguns e algunhas están a poñer en dúbida a utilidade do feminismo, eu digo, neste Marzo de 2010, 100 anos despois:
Igualmente necesaria a mobilización. Igualmente necesario o feminismo.