sexta-feira, 23 de maio de 2008

Ollando ¿armas de muller?

'Working girl', traducida para España como 'Armas de mujer' é unha película de 1988 dirixida por Mike Nichols na que unha moza pobre, lista e ambiciosa decide utilizar engaños para medrar na sua carreira ao descubrir que a sua xefa e suposta valedora está a roubarlle as ideas; aínda que a descubren e inicialmente a despiden, finalmente reivindica a sua capacidade, é recoñecida e substitue á glamurosa e desleal xefa.
Semella que non existe a solidariedade entre as mulleres mais aló dun argumento utilizado por algunhas delas para valerse do traballo de outras, semella , xa que en xeral o fin xustifica os medios, que as mulleres estamos especialmente lexitimadas para usar os menos convencionais co fin de sobreviver nun entorno hostil, que esa lexitimidade desaparece só unha vez no poder, entón as condicións son iguais para todo o mundo, convertida de muller en persona debe limitar as suas accións, a risco de perder esa condición (persoa) e volver á anterior (muller).

A cuestión que quero plantexar é: ¿vale todo para rematar coas desigualdades? ¿como medimos a utilidade dos recursos extraordinarios lexitimados temporalmente para diminuilas?...

O tribunal constitucional español (TC) ven de confirmar a constitucionalidade do art.153.1CP modificado LO 1/2004, que considera dentro do ambito da parella menos punibel o uso da violencia por parte das mulleres que por parte dos homes. A sentencia desdestima a cuestión de inconstitucionalidade presentada por unha xuiza de Murcia sobre este artigo, quedan por resolver 127 cuestións presentadas que probabelmente o serán no mesmo sentido.


Vou dar unha primicia, a Constitución española non é a BIBLIA.

É unha norma importante, que naceu nun momento histórico e se pode e debe modificar segundo as necesidades e realidades da sociedade á que se dirixe. É a mesma norma que define ao estado español como un 'reino', que practicamente exclue da coroa ás mulleres, que permite a existencia da audiencia nacional... Que algo sexa ou non constitucional non debería desmontar outros argumentos nen impedir a crítica, tampouco é garantía de xustiza ou utilidade.

O artigo en cuestión 153.1 CP dispón que 'o que por calquera medio ou procedemento causar a outro menoscabo psíquico ou unha lesión non definidos como delito neste Código, ou golpear ou maltratar de obra a outro sen causarlle lesión, cando a ofendida sexa esposa, ou muller que estea ligada a el por unha análoga relación de afectividade aínda sen convivencia, o persona especialmente vulnerable que conviva co autor, será castigado coa pena de prisión de seis meses a un ano' . Namentras este artigo, referido a lesións non consideradas como delito, establece un trato penal diferente en función do sexo dos suxeitos activo e pasivo o art. 153.2 CP, referido a lesións consideradas delitos non o fai.


A sentenza do TC fai algunha puntualización de interés que pode axudarnos a centrar a discrepancia que dende algunhas posicións feministas temos con esta modificación do CP:


  • o masculino 'o que por calquera medio...' non presupón que o autor do delicto deba ser un home xa que, por unha banda, a expresión é utilizada en numerosos artigos do código penal con significado NEUTRO que non designa exclusivamente a persoas do sexo masculino e por outra, 'esposa ou analoga relación...' é unha situación que pode darse entre mulleres. A pesar do que admiten que a primeira leitura tendo en conta a LO1/2004 debe ser a de agresor-varón/agredida-muller

  • a expresión '...ou persoa especialmente vulnerabel que conviva co autor...' indica que, probando esta especial vulnerabilidade a victima non ten por qué ser a sua parella muller.

  • é dicer: o feito de ser parella muller dun varón colócanos nunha situación xeneral de especial vulnerabilidade que non temos que probar.

Os argumentos que utiliza o TC na sentenza son probabelmente impecabeis xuridicamente pero cuestionabeis dende a miña perspecitva política e feminista:

Debemos diferenciar entre protección e tutela, se protexe a quen está en perigo, se tutela a quen non ten capacidade de decidir por sí. ¿A violéncia de xénero convirte ás mulleres vítimas en incapacitadas?¿precisan a tutela de un terceiro incluso no caso que contempla este artigo (lesións non definidas como delicto)?

Creo que NON, salvo en casos de victimización moi graves, as mulleres que sufren violéncia de xénero manteñen a sua capacidade de decidir intacta, e cando toman a decisiónde solicitar protección eso é o que precisan. Cando deciden romper esa situación que as pon en perigo, precisan unha resposta que sexa adecuada e útil, que avance na liña de procurarlles mais seguridade e autonomía (económica, social, persoal) e menos dependencia e tutela. E que o recurso ao código penal sexa o último chanzo e non a porta de entrada.

Non ter que probar a 'especial vulnerabilidade', nos convirte de novo en nenas pequenas, non nos fai nengún favor, esquece o pequeno detalle da presuncion de inocencia e mina a lexitimidade doutras accións de loita contra a violencia de xenero que conlevan discriminacións positivas para as vítimas.

Estamos nun camiño moi difícil e complexo e se teñen dado pasos de avance na consideración da violéncia de xénero como o problema social de enorme magnitude que é poñendoo en primeira plana da axenda política. Pero problemas complexos non teñen solucións simples. Debemos ter o valor de superar os slogan e comprometernos coa diversidade das situacións que abordamos. Respetando a autonomía das mulleres, cubrindo con suficiencia económica os recursos que se poñen en marcha e promovendo a participación activa da cidadanía no acompañamento as vítimas e no rexeitamento social aos maltratadores.

Precisamos menos tutela penal e mais recursos sociais.

sexta-feira, 18 de abril de 2008

Ollando crebacabezas


Ven de ser nomeado Miguel Lorente como Delegado do Goberno contra a violencia de xénero dependente do novo ministerio de igualdade. Ao tempo que unha muller dirixirá as forzas armadas, un varón dirixirá a loita contra a violencia de xénero. O mundo ao revés.

Outro golpe de efecto do goberno zapatero de 'transgresion elegante' dos estereotipos de xénero.

Pero máis aló do signo e da portada, que son importantes, poñense sobre a mesa outras diversas cuestións:

A violencia de xénero é algo que padecemos as mulleres pero é un problema de varóns, de facetas do comportamento masculino con fortísima componente de xénero. Por tanto, para ir máis aló da atención ás victimas no presente, se queremos falar de evitar a reincidencia e de prevención para o futuro, o foco do problema terá que moverse cara aos varóns. E o tempo de estudar, divulgar e actuar sobre os mecanismos que convirten a un home en maltratador tanto ou mais que sobre os que convirten a unha muller en victima.

Un espazo de poder 'destinado' a unha muller pasa a estar en mans dun varón. Ademáis da avaliación final do equilibrio de xénero dos niveis intermedios de goberno, haberá que ver se esa Delegación sufre o proceso inverso ao desprestixio que adoita conlevar a feminización dos postos directivos, ou sexa un proceso de "represtixio" pola masculinización: o protagonismo nos medios, a consideración á persoa que o ostenta. ¿atreverase el mundo a poñerlle un alcume? ¿falarán del como parte do batallon de gardacostas ou de bois da ministra de igualdade?...

Identificar e identificarse coas necesidades das víctimas e diseñar as intervencións mais acaídas seguirá a ser o traballo fundamental da Delegación. Con propostas en competencias moitas veces das comunidades autónomas (cuestión que provocou moitos problemas coa anterior titular) coas que debe negociar e ás que debe respectar. Facendo intervencións transversais que afectan a espazos tan diferentes e pechados como educación, interior e xustiza (que supuxo grandes dificultades no anterio periodo) sobre as que debe ter capacidade de decidir. Dende fora do feminismo xa que ainda que o novo delegado ten colaborado en numerosas ocasións non forma parte del, recoñecendo e dialogando coa pluralidade actual do movemento, cuestión esquecida pola anterior delegada que limitou a sua capacidade de acción.

Ante unha situación de recursos limitados, marcar prioridades é fundamental e identifica ás diferentes opcións políticas. Os programas de igualdade dirixidos aos varóns, dende os de reeducación de maltratadores aos de apoio á paternidade, adoitan ser criticados por alguns foros feministas como despilfarro frente á necesidade non atendida de fondos para programas dirixidos a mulleres. Haberá que ver qué programas propón o novo delegado e se poden superar esta sospeita.

Miguel Lorente aceptou a oportunidade de enfrentarse no concreto da xestión ao crebacabezas que tanto tempo leva estudando, seguro que con ilusión e ánimo e agardo que, polo ben de todas e todos, con todo o exito que lle desexo.

segunda-feira, 31 de março de 2008

Ollando caixas de porcelana

Felipe González acuñou o termo 'sindrome do xarrón chinés' para explicar a situación dos ex-inquilinos da Moncloa : "Somos como grandes xarrons chineses en apartamentos pequenos. Non se retiran do mobiliario porque se supon que son valiosos, pero están todo o rato estorbando".

A resistencia dos políticos a abandonar o sillón, sexa cal sexa o seu tamaño (xarrón chinés, xarra de sargadelos ou borralleiro de buño, en fin, louza variada) a renunciar a esa sensación de poder tan identificada co masculino e que nos ofrece numerosos exemplos na política local, nacional e estatal, non resultaría tan patética aos ollos desta observadora, se non fose polo tremendo contraste coa actitude dos aparatos dos partidos e as veces da propia militancia, de esquecemento e até desprezo con estas estrelas 'caidas'.

A falta de respeito a 'don manuel' mostrada polo grupo parlamentario do PP no parlamento galego que fixo que saira elixido como representante galego no Senado español só cos votos do BNG e o PSOE é un exemplo mais da falta de humanidade da política.

Este paso da condición de imprescidibel, lider indiscutido, portavoz ao caseque ostracismo provoca as veces nos politicos apartados reaccións curiosas rebelde sen causa, abuelito batallas...

E falo en masculino de maneira conscente porque aínda que non son moi partidaria de considerar que somos mellores en termos éticos ou incluso estéticos que os homes ou non vexo moi claro que haxa unha forma 'feminina' de estar na política, sí que hai unha consideración das mulleres como intercambiabeis (non só na política) asumida por nos mesmas e moita menos resistencia a ser apartadas dos poucos postos de poder que ostentamos.


Foron moitos os comentarios sobre a marcha de Caldera do ministerio pero non vexo ningún sobre a situación das mulleres que promoveron, xestionaron e se responsabilizaron das politicas de igualdade no 1º goberno zapatero, que teñen nome e apelidos: Soledad Murillo de la Vega, Encarnación Orozco Corpas e Rosa Peris Cervera.


Dende a discrepancia nalgúns aspectos da sua acción de goberno o recoñecemento ao seu traballo de catro anos duros pero históricos e finalmente positivos para as mulleres.

Neste caso, non grandes xarróns chineses, cecais pequenas caixas de porcelana perdidas nunha mudanza.

terça-feira, 11 de março de 2008

Ollando á nova Cámara

Como xa se agardaba pola composición das listas, a nova cámara estatal terá menos mulleres que na anterior lexislatura a pesar da Lei de igualdade.
Un novo desaxuste entre os obxectivos dunha norma e os instrumentos que establece para acadalos dan un resultado desalentador e desmobilizador e, sobre todo, incumple a espectativa creada de ampliación do espazo e o peso político das mulleres.
En primeiro lugar, unha norma que pretende marcar mínimos de participación debese restrinxir a iso: os mínimos. O feito de marcar topes maximos de representación feminina resulta absurdo, non se corresponde coa precaria situación das mais das mulleres militantes nos partidos que, por desgracia, en ningun caso temos a forza ou a capacidade de presión suficiente para copar as listas. Ademais teríanse evitado situacións de provocación por parte de quen impugna a Ley ante o Tribunal Constitucional como resultou aquel acto propagandístico da lista municipal de mulleres en Canarias.
En segundo lugar, os mínimos que marca a norma están por debaixo dos existentes na normativa interna dalgúns partidos, PSOE, IU, BNG ... témonos dotado de obrigas de incorporación de mulleres nas listas internas e externas que, como mínimo nos tres casos que cito, superan os marcados na lei. Estas 'cuotas' marcadas por algúns partidos son resultado de anos de traballo, presión e debates, moitas veces desagradabeis e dolorosos, promovidos polas mulleres feministas que militamos nestes partidos. O establecemento por lei de mínimos inferiores, dá vía libre aos aparatos para utilizala dando un paso atrás. Teño que dicir que só o BNG mantivo as listas cremallera nesta convocatoria eleitoral en todas as circunscripcións nas que se presentaba, entre todos os partidos que teñen representación parlamentaria nesta nova lexislatura.
Por último, son os partidos da dereita e os que non asumen no seu programa os presupostos feministas quen ve mellorada a posición das mulleres no seu grupo, o PP e CIU son os únicos que aumentan a sua representación feminina. Veremos se iso dá mais posibilidades no avanzo das políticas de igualdade no Estado ou supón finalmente un freo... ¿votarían a favor dunha lei de prazos para o aborto?...
Hay por diante unha nova lexislatura na que facer na práctica eso tan bonito de 'revisar os erros' que prometeu quen será presidente do goberno español.
Quedan tamén cousas por facer no espazo de representación, que non se tocaron na lei de igualdade e que se poderían abordar se realmente hai vontade política para facelo como a composición das Cámaras de Comercio e do propio goberno do Estado.
Seguiremos ollando espectantes.

domingo, 9 de março de 2008

Ollando ao 8 de Marzo

Logo da REFLEXION persoal do día 8 de Marzo de 2008 permitome a osadía de empezar un blog e lanzar algunha de esas reflexions á rede sen mais espectativa que un pequeno desafogo.

¿Qué pasaría se a Zapatero se lle tivera ocorrido convocar as eleccións un 2 de Maio?
¿Terían aceitado os sindicatos modificar de data a celebración do día da clase obreira convertida agora en xornada de reflexión?
Sorprendeume daquela que non houbera contestación á data. Cecais as mulleres dos grupos feministas non foron conscentes que iso significaba a prohibición de convocar mobilizacións até que, moi poucos días antes os Gobernos civís as desautorizaron. A situación foi diferente nuns territorios e noutros. No noso Pais foron prohibidas pero noutros lugares como Asturias, as mobilizacións foron autorizadas.
O certo é que nos lugares onde permitidas ou non, as concentracións seguiron adiante, non houbo tampouco ningunha consecuencia, non houbo envío de policía nin cargas policiais nin disolucións forzadas... os xornais do día 9 apenas se fan eco delas e de ningún incidente.
Parece que excusaban dende as delegacións do goberno central facer ese alarde de prohibir o que non se pensa controlar, parece como si pensaran 'se non o fan, estupendo e se o fan total pasaran desapercibidas...'

O día 7 un novo asesinato terrorista veu marcar unha vez mais un proceso eleitoral. A campaña paralizouse inmediatamente e por unanimidade deixaron de celebrarse os actos de peche sen ningunha contestación. Todos os partidos puxeron na portada da sua web as condolencias e compromiso contra o terrorismo. Todos os xornais lle adicaron a primeira páxina reclamando solucións dende o Estado.
Sen pretender cuestionar esta reacción inmediata e unánime, non podo esquecer que dez días antes catro mulleres foron asesinadas o mesmo día pola violencia machista, por homes que decían que as querían ou que algunha vez as quixeron. A campaña non se paralizou, non se suspendeu ningún mitin, non se convocaron debates específicos para que candidatos (todos eles varóns) fixeran unha reflexión sobre donde estamos, que fixemos e qué podemos facer como sociedade para parar esta sangría. Non ocuparon a primeira plana dos xornais e cando o fixeron foi para ser tratadas como carne de folletín as mais das veces.

A pesar da modificación de lei eleitoral para garantir incorporacións de mulleres nalgunhas listas, de repetir resultado, o grupo parlamentar do PSOE terá menos mulleres na vindeira lexislatura. O número xeral de mulleres aumentará no Congreso "dos deputados" (cecais habería que pensar en cambiarlle o nome: hai deputadas) pola incorporación de mulleres do PP que van utilizar as cuotas, seguramente ao seu pesar, para incorporar mais mulleres conservadoras á vida política. Parece que logo de aprobala, nalgún partido esquecen que o que marca a lei son mínimos. Sería distinto se ollaramos o "problema"dende outra perspectiva, non é só que haxa poucas mulleres, hai demasiado homes na vida pública.

O 8 de Marzo debería ter sido, sí, unha xornada de reflexión para o Movemento feminista, para a Academia, para os Partidos, para toda a Sociedade, reflexión crítica sobre o que temos feito e valente sobre o que nos queda por facer. Empeza unha nova lexislatura na que traballar no avance e consolidación dos dereitos das mulleres que somos mais da metade da poboación e que aínda estamos lonxe de ser cidadás de primeira.