sexta-feira, 23 de maio de 2008

Ollando ¿armas de muller?

'Working girl', traducida para España como 'Armas de mujer' é unha película de 1988 dirixida por Mike Nichols na que unha moza pobre, lista e ambiciosa decide utilizar engaños para medrar na sua carreira ao descubrir que a sua xefa e suposta valedora está a roubarlle as ideas; aínda que a descubren e inicialmente a despiden, finalmente reivindica a sua capacidade, é recoñecida e substitue á glamurosa e desleal xefa.
Semella que non existe a solidariedade entre as mulleres mais aló dun argumento utilizado por algunhas delas para valerse do traballo de outras, semella , xa que en xeral o fin xustifica os medios, que as mulleres estamos especialmente lexitimadas para usar os menos convencionais co fin de sobreviver nun entorno hostil, que esa lexitimidade desaparece só unha vez no poder, entón as condicións son iguais para todo o mundo, convertida de muller en persona debe limitar as suas accións, a risco de perder esa condición (persoa) e volver á anterior (muller).

A cuestión que quero plantexar é: ¿vale todo para rematar coas desigualdades? ¿como medimos a utilidade dos recursos extraordinarios lexitimados temporalmente para diminuilas?...

O tribunal constitucional español (TC) ven de confirmar a constitucionalidade do art.153.1CP modificado LO 1/2004, que considera dentro do ambito da parella menos punibel o uso da violencia por parte das mulleres que por parte dos homes. A sentencia desdestima a cuestión de inconstitucionalidade presentada por unha xuiza de Murcia sobre este artigo, quedan por resolver 127 cuestións presentadas que probabelmente o serán no mesmo sentido.


Vou dar unha primicia, a Constitución española non é a BIBLIA.

É unha norma importante, que naceu nun momento histórico e se pode e debe modificar segundo as necesidades e realidades da sociedade á que se dirixe. É a mesma norma que define ao estado español como un 'reino', que practicamente exclue da coroa ás mulleres, que permite a existencia da audiencia nacional... Que algo sexa ou non constitucional non debería desmontar outros argumentos nen impedir a crítica, tampouco é garantía de xustiza ou utilidade.

O artigo en cuestión 153.1 CP dispón que 'o que por calquera medio ou procedemento causar a outro menoscabo psíquico ou unha lesión non definidos como delito neste Código, ou golpear ou maltratar de obra a outro sen causarlle lesión, cando a ofendida sexa esposa, ou muller que estea ligada a el por unha análoga relación de afectividade aínda sen convivencia, o persona especialmente vulnerable que conviva co autor, será castigado coa pena de prisión de seis meses a un ano' . Namentras este artigo, referido a lesións non consideradas como delito, establece un trato penal diferente en función do sexo dos suxeitos activo e pasivo o art. 153.2 CP, referido a lesións consideradas delitos non o fai.


A sentenza do TC fai algunha puntualización de interés que pode axudarnos a centrar a discrepancia que dende algunhas posicións feministas temos con esta modificación do CP:


  • o masculino 'o que por calquera medio...' non presupón que o autor do delicto deba ser un home xa que, por unha banda, a expresión é utilizada en numerosos artigos do código penal con significado NEUTRO que non designa exclusivamente a persoas do sexo masculino e por outra, 'esposa ou analoga relación...' é unha situación que pode darse entre mulleres. A pesar do que admiten que a primeira leitura tendo en conta a LO1/2004 debe ser a de agresor-varón/agredida-muller

  • a expresión '...ou persoa especialmente vulnerabel que conviva co autor...' indica que, probando esta especial vulnerabilidade a victima non ten por qué ser a sua parella muller.

  • é dicer: o feito de ser parella muller dun varón colócanos nunha situación xeneral de especial vulnerabilidade que non temos que probar.

Os argumentos que utiliza o TC na sentenza son probabelmente impecabeis xuridicamente pero cuestionabeis dende a miña perspecitva política e feminista:

Debemos diferenciar entre protección e tutela, se protexe a quen está en perigo, se tutela a quen non ten capacidade de decidir por sí. ¿A violéncia de xénero convirte ás mulleres vítimas en incapacitadas?¿precisan a tutela de un terceiro incluso no caso que contempla este artigo (lesións non definidas como delicto)?

Creo que NON, salvo en casos de victimización moi graves, as mulleres que sufren violéncia de xénero manteñen a sua capacidade de decidir intacta, e cando toman a decisiónde solicitar protección eso é o que precisan. Cando deciden romper esa situación que as pon en perigo, precisan unha resposta que sexa adecuada e útil, que avance na liña de procurarlles mais seguridade e autonomía (económica, social, persoal) e menos dependencia e tutela. E que o recurso ao código penal sexa o último chanzo e non a porta de entrada.

Non ter que probar a 'especial vulnerabilidade', nos convirte de novo en nenas pequenas, non nos fai nengún favor, esquece o pequeno detalle da presuncion de inocencia e mina a lexitimidade doutras accións de loita contra a violencia de xenero que conlevan discriminacións positivas para as vítimas.

Estamos nun camiño moi difícil e complexo e se teñen dado pasos de avance na consideración da violéncia de xénero como o problema social de enorme magnitude que é poñendoo en primeira plana da axenda política. Pero problemas complexos non teñen solucións simples. Debemos ter o valor de superar os slogan e comprometernos coa diversidade das situacións que abordamos. Respetando a autonomía das mulleres, cubrindo con suficiencia económica os recursos que se poñen en marcha e promovendo a participación activa da cidadanía no acompañamento as vítimas e no rexeitamento social aos maltratadores.

Precisamos menos tutela penal e mais recursos sociais.

Nenhum comentário: